Monday 29 de April de 2024

Miñones reivindica as axudas do Goberno de Pedro Sánchez á agricultura e á gandeiría: “nunca se investirán tantos cartos no sector”


–O cabeza de lista do PSdeG na provincia visitou a granxa Casa Castro en Sobrado, xunto ao secretario xeral provincial Bernardo Fernández Piñeiro e outros membros da candidatura socialista

José Miñones, cabeza de lista do PSdeG na provincia visitou a granxa Casa Castro en Sobrado. Estivo acompañado polo secretario xeral provincial Bernardo Fernández Piñeiro e polos tamén candidatos Xosé Sánchez Bugallo, Obdulia Taboadela e Diego Taibo, así como por Roberto García, presidente de Unións Agrarias.

Miñones, tamén ministro de Sanidade do Goberno de Pedro Sánchez, amosou a súa intención de “seguir apoiando o sector agrogandeiro con fondos, con investimentos”. “Nunca se investiran tantos cartos no sector como nestes últimos 4 anos”, afirmou.
O socialista incidiu tamén a importancia da defensa “dos intereses do sector en Europa”. “Temos un gran ministro de Agricultura, Luis Planas, que segue a sacar acordos tan positivos como o da PAC con eses 47.000 millóns para o período 2023-2027″, sinalou Miñones.

“Temos solicitado agora en Europa que se actualice ese fondo de reserva de crise para que se poidan empregar os cartos canto antes, ou que aqueles fondos europeos que non se executan se poidan liberar para dar axudas directas ao sector”, engadiu o candidato socialista.
Miñones reivindicou que o dos últimos catro anos “non foi un período doado, coa pandemia e coa guerra de Ucraína, pero aí tamén estivemos unha vez máis, coa axuda ao gasóleo que manteremos prorrogada ata finais de decembro e que supoñen máis de 47 millóns de euros”. “Tamén as reducións no IRPF, que tamén son case 50 millóns, as axudas ao sector lácteo por 100 millóns das que o 48% ficou aquí en Galicia”, engadiu.

Por outra banda, o ministro afeou ao PP estar “executando os 31 millóns que lle dimos á Xunta, cando eles votaron en contra, e o fan sen recoñecerlle nada a este Goberno”. “Sabemos o que se sufriu nos 14 anos de Goberno de Feijóo en Galicia, polo que sabemos cal é a súa política gandeira”, concluíu.